Monday 20 de May de 2024

O Goberno galego racionaliza o mapa dos seus órganos colexiados e avanza a supresión de 70 destes organismos cara unha administración máis eficaz e mellor dimensionada


Precisa que é unha “disposición de natureza organizativa que supón a supresión daqueles órganos colexiados que non se consideran necesarios ou, polo menos, que se poden subsumir noutras tarefas e noutros centros directivos”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou tras o Consello da Xunta a aprobación do decreto que racionaliza o mapa dos órganos colexiados do Goberno galego, co obxectivo de lograr unha maior eficacia e coordinación, evitar duplicidades e lograr unha Administración mellor dimensionada. Trátase dunha “disposición de natureza organizativa que supón a supresión daqueles órganos colexiados que non se consideran necesarios ou, polo menos, que se poden subsumir noutras tarefas e noutros centros directivos”.

Segundo o presidente da Xunta, o compromiso é reducir órganos colexiados, xa sexan comisións, comités asesores, observatorios ou consellos. Como engadiu, suprimiranse 58 de forma inmediata e ordenarase a eliminación doutros 12, aos que hai que engadir outros cinco en proxectos legais que xa están en curso, dado que se precisa un proxecto de lei para suprimir un órgano que tamén está creado por lei. “En total, 75 órganos menos, desde o punto de vista da administración consultiva da Xunta”, afirmou.

Para suprimir estes órganos tivéronse en conta distintos motivos, como observar duplicidades ou escaso contido neles e que cumpriran o seu fin algún dos órganos xa creados. Como lembrou o mandatario galego, “hai momentos nos que a Xunta chegou a ter 14 consellerías, agora remos oito e non ten sentido ter órganos colexiados para unha Xunta distinta”.

Por outra banda, explicou que na segunda parte do decreto se derrogan de forma expresa unhas 50 disposicións normativas que eran as que creaban estes órganos. Así mesmo, a última parte do texto modifica os decretos de estrutura orgánica dos departamentos “para facilitar a comprensión e o seguemento do decreto que hoxe vimos de aprobar e que innova o ordenamento xurídico afectando a outros 50 decretos e afectando ás estruturas orgánicas da Xunta”, apuntou.

Neste senso, o presidente indicou que a Xunta leva cinco anos traballando en tentar unha Administración máis racional. Así, lembrou a redución do número de consellerías, de altos cargos e asesores. No relativo á Administración paralela, fixo fincapé en que se suprimiron 63 organismos, aprobándose unha Lei de racionalización do sector público autonómico.

“Estamos, polo tanto, apostando claramente por seguir diminuíndo aquilo que é prescindible para seguir centrándonos nos asuntos máis importantes da labor da Administración autonómica. Unha Administración que pretendemos que sexa máis eficaz e iso significa coa menor duplicidade posible e coa maior transparencia posible”.